Nacionalismo vs candidaturas abertas

IMG_16062Non hai moitos días Nicolás Sartorius e outros destacados membros da cultura e da política do Estado español presentaban un manifesto a prol do federalismo para ver de atallar o que eles chaman “desafío catalán”. Na súa alocución dicía máis ou menos que había que darlle unha resposta ao feito diferencial catalán, ao feito diferencial vasco e … ao feito diferencial andaluz. Sartorius nin mencionou a Galiza, porque Galiza hoxe por hoxe non é un problema político para España, grazas ao empeño político que lle pon Feijóo para homoxeneizar o noso país ao resto do Estado. Galiza e o feito diferencial galego só existe sobre o papel e protocolariamente, pero nada máis. España só pode tolerar dous feitos diferenciais, pero non tres, o demais é terra conquistada.

Mais cando se está enfrontando unha nova transición no Estado español, na que se vai deseñar un novo status quo para as nacións que a integran, Galiza non está nese debate nin se lle espera, e se algunha presenza ten é grazas ao BNG, que mantén viva a chama política do noso país. De aí o empeño de moitos sectores políticos, mediáticos e empresariais do propio país, que poñen todo o seu empeño en facer desaparecer o problema do BNG, porque se desaparece o Bloque, Galiza tamén desaparece politicamente.

Non é casual, pois, que dentro deste proceso homoxeneizador apareza e xurda con forza a idea das candidaturas cidadás e das frontes amplas, que, en nome de non sei que valores políticos, éticos e morais, deben diluírse todas as forzas políticas, incluído o BNG, para conformar unha fronte común contra o PP, na que desaparece por completo ou queda relegado a un terceiro plano calquera obxectivo político para Galiza (soberanía, dereito a decidir, etc).

Por outra parte, e precisamente no momento no que os dereitos da clase traballadora están sendo máis agredidos polos poderes políticos e económicos, o concepto de “clase traballadora”, cada vez menos utilizado entres os partidos políticos de esquerda, dilúese en nome do concepto de “cidadán”, no que colle desde Amancio Ortega até a última traballadora da conserva, como se os problemas dun e doutra foran idénticos, e non falo só desde un punto de vista económico, senón tamén de xénero.

Nacionalismo e clase traballadora son elementos políticos que hai que combater, o poder teno claro; e que mellor instrumento que as candidaturas cidadás, as candidaturas abertas ou fontes amplas para diluír ambos os dous conceptos para o final termos un produto descafeinado que non serve nin aos intereses de clase nin aos intereses da nación galega. E é precisamente o nacionalismo galego o que dá resposta a ambos os dous a un tempo, porque é o nacionalismo a antítese da globalización e do imperialismo que nos afoga a todas e todos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s