Canto máis espectacular é o engano menos se ve

Seguramente vos acordaredes de David Copperfield, aquel mago que saía pola televisión e que facía todo tipo de trucos de maxia caracterizados pola súa espectacularidade. Tanto facía desaparecer a Estatua da Liberdade como levitar sobre Gran Cañón do Colorado. Daba igual como fixera os trucos, á xente iso non lle importaba, xa sabían que era un engano, unha ilusión.

A política tamén ten que ter algo de espectacular, ten que estar adornada por unha posta en escena adecuada para engaiolar ao electorado, porque se non é así, ninguén che fai caso. E por suposto, como David Copperfield, tes que saír na televisión en horarios de máxima audiencia para que os trucos cheguen ao maior número de persoas posíbel. E non só por iso, senón porque saír na televisión dáche un plus de credibilidade que doutro xeito non terías.

Podemos, ao igual que o mago de New Jersey, sae na televisión en horarios de máxima audiencia. Ten máis afiliados ou “inscritos” que ningún outro partido político; na súa constitución como organización política participan miles de persoas e as contas que teñen nas redes sociais son as máis seguidas do Estado, ao que lle hai que sumar as contas dos seus dirixentes, con Pablo Iglesias á cabeza. Todo en Podemos é espectacular e pouco importa que dentro deses miles de “inscritos” unha parte non pequena sexa de persoas ou usuarios que se rexistraron non unha, senón varias veces empregando datos falsos ou inventados; dá igual que entre os miles de usuarios que participaron na constitución desta organización haxa usuarios ou “inscritos” que votaron non unha, senón varias veces; dá igual que boa parte dos seguidores das redes sociais sexa falsos.

En definitiva, dá igual que se lle vexan as costuras ao truco de maxia, a posta en escena é espectacular. A xente está engaiolada e o que se lle permite a Podemos non se lle permite a ningún outro partido político. Imaxinades que á altura da famosa asemblea de Amio o BNG inflara o censo de militantes e permitira votar varias veces a unha mesma persoa? Non, verdade. De feito, se iso acontecera, a estas alturas o Bloque estaría ilegalizado.

Todo o mundo sabe que a Estatua da Liberdade non desapareceu, segue alí en New York, pero David Copperfield fixo crer a miles de espectadores que iso era posíbel. Do mesmo xeito, hai miles de persoas que pensan que Podemos vai rematar coa corrupción política, pero todos sabemos que iso non é posíbel, a corrupción seguirá aí, porque é inherente ao sistema capitalista, e mesmo á condición humana. A xente sabe perfectamente que Podemos non rematará coa crise económica, entre outras cousas porque non ten propostas. Pero dá igual, polo que se ve, de ilusións tamén se vive.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s