Voltar a Madrid

Artigo de Pilar García Negro, profesora da UDC e escritora.

ViaV ten ampla audiencia. A do pasado día 20 puido ver a entrevista que a súa directora, Fernanda Tabarés, realizou a dous portavoces de Podemos. Un deles, Breogán Riobóo, ten a ben dirixirme unha carta en que reincide no xa dito. Resumirei, pois, o que eu afirmei. En primeiro lugar, os deste partido descobren a pólvora xa inventada: o nacionalismo galego naceu xustamente por rebeldía, indignación coa política estatal, inconformismo coa situación marxinal de Galiza e vontade de exercer o dereito de auto-organización, sen tutelas da capital do Reino, sen obediencia a partidos españois e, por certo, coa asemblea como centro decisor. En segundo lugar, depender de Madrid para circular politicamente pola Galiza non só non é novo, senón que se afilia á máis rancia antigüidade, a que levou a María pita a pedichar mercés ao rei após a heroica defensa da Coruña. A antítese é a de quen inaugurou a modernidade galega: a viaxe de volta á Galiza, considerándoa centro e destino e non inicio da súa carreira política ou artística. Tal practicaron xa Rosalía de Castro, Otero Pedraio (Arredor de si), Castelao, Xavier Alcalá (Voltar), por citar só uns nomes coñecidos. En fin, a política galega non é unha páxina en branco aberta adanicamente. ¿Imos agardar beatificamente a que universitarios de Madrid se enteiren dos problemas da pesca galega, do sector naval, da lingua e da cultura galegas, das específicas necesidades sociais do povo galego?

Para os exististas da política e os que gostan de importar receitas de Madrid, o BNG non vale pois non é cabalo gañador. Pór como exemplo non ter tirado proveito de Nunca Máis vólvese como un boomerang contra quen o usa: ¿acaso non se trata de favorecer movementos sociais e non manipulalos partidistamente? A acusación vai contra a sociedade galega que secundou este movemento. Outros asertos do asinante revelan unha anemia argumental notoria. Unha xa vai algo cansa de refutar o que non di nen profesa. Eu non teño aberta oficina ningunha que expida carnés de galeguidade. É máis, afirmei naquela tertulia que mesmamente unha das maneiras evidentes de ser galego-a é ignorar que o somos. Isto non é eiva conxénita, senón adquirida historicamente, e para conxurala naceu o nacionalismo galego. Se B. Riobóo leu Sempre en Galiza, advertiría que o que preconiza Castelao é o contrario do que os membros galegos de Podemos queren aclimatar como nova política. Como é igualmente reseso apelar a un líder (masculino, por suposto) que nos guíe e oriente, porque, nós, menores de ideade, precisamos tutela e luces para non nos perdermos. Coas ordes desde as televisións, por suposto… ¿Ora, o que é novo do trinque é a mención da UPG como fautora de todos os males! Non vale a UPG, claro, porque non vale o nacionalismo. A concepción da Galiza, en fin, como propiedade dun Estado que non se cuestiona. A nosa subordinación máis vella: a xenoestima como medida. Voltar a Madrid ou voltar á Galiza: that is the question.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.