A intolerancia mata a creatividade

Non hai moitos días fun ver a película “The Imitation Game“, baseada na vida de Alan Turing, un matemático inglés que colaborou activamente co servizo de intelixencia do seu país para descifrar os códigos da máquina “Enigma” alemá, durante a II Guerra Mundial. Aínda que boa parte do que conta a película é novelado e seguramente non é estritamente fiel aos feitos reais vividos por Turing, colateralmente aborda un tema máis persoal, pero máis real e interesante, o da súa homosexualidade e as fatais consecuencias que lle supuxo por mor dunha sociedade intolerante, que consideraba delito as relacións con persoas do mesmo sexo, un tema tratado de xeito máis directo na película “Victim” (1961) de Basil Dearden. Non se trata de facer un spoiler, pero non é ningún segredo que Alan Turing acabou suicidándose, non por ter un conflito coa súa sexualidade, senón polas consecuencias da terapia á que se viu obrigado, como alternativa a pasar varios anos no cárcere.

Á saída do cine acordeime doutra película, neste caso a de “Ágora” de Alejandro Amenábar, que recreaba a vida de Hipatia de Alexandría, unha matemática, astrónoma, unha filósofa en definitiva, que viviu no Exipto do século I. A morte de Hipatia, a mans dos fanáticos seguidores do bispo Cirilo que non aturaban a influencia social e intelixencia dunha muller, supuxo o trunfo do fanatismo e da irracionalidade da igrexa católica, que sumiu a Europa Occidental a séculos de escuridade científica e cultural.

Ambos, Alan Turing e Hipatia de Alexandría, foron vítimas da intolerancia, como tamén o foi Alexandre Bóveda, asasinado polo fanatismo Franquista, e nunca saberemos avaliar adecuadamente canto perdemos coas súas prematuras mortes, cando deixaron de legarnos e sobre todo, como de diferente sería o mundo e como de diferente sería Galiza hoxe en día se eles chegaran vivos á plenitude das súas respectivas vidas.

Por outra parte, ao fío desta entrada, é inevitábel non referirse ás doce mortes do semanario Charlie Hebdo a mans duns terroristas. Algunhas das persoas asasinadas eran artistas que xa non debuxarán máis, e quen sabe se terá como consecuencia o peche deste xornal satírico tendo en conta que director tamén faleceu asasinado. Eles tamén foron vítimas da intolerancia, mais eu non vou sumarme aos coros que claman contra o fanatismo musulmán, que sería o máis doado. En primeiro lugar, porque aínda non os prenderon,  -moito me temo que non o farán (con vida)-, e non está claro que os asasinos profesaran esta relixión, porque calquera pode coller un fusil e tirar catro tiros mentres grita “Al·lahu-àkbar”. E en segundo lugar, porque se temos que facer unha análise crítica do Islám, cómpre facela tamén do papel de Occidente en territorios onde se profesa esta relixión, mais alá da anécdota das caricaturas de Mahoma; por exemplo en Libia, onde Francia tivo un papel activo no bombardeo e invasión deste país.

A intolerancia mata a creatividade, pero non só en Occidente, en Oriente tamén, e aí temos nós a culpa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s