Troika 1 Grecia 0

VarufakisA Unión Europea é un organismo antidemocrático que está por enriba dos estados e xa non digamos dos pobos, que ceden unha parte importante da súa soberanía para pertencer a tan selecto clube. A Troika (FMI, BCE e Comisión Europea) impón aos países europeos, especialmente aos coñecidos como PIGS, severos axustes económicos con consecuencias que en Galiza coñecemos ben. Isto é o que hai, e poucas posibilidades existen de cambiar isto, porque está no ADN deste tipo de superestruturas políticas, e porque teño as miñas dúbidas de que un organismo así poida funcionar doutro xeito. Así as cousas, é decisión dos estados e dos pobos formar parte ou non de tan selecto clube, con todas as consecuencias positivas e negativas.

A presión á que está sometida Grecia estes días por parte da Unión Europea e da Troika, mais tamén de Alemaña, que é quen manda realmente, son intolerábeis, máis propias dun estado totalitario que só busca o sometemento dos seus cidadáns. E ante esta presión só caben dúas posibilidades: achantar ou rebelarse. Na miña opinión, o novo goberno grego de Syriza escolleu a primeira das opcións.

É certo que formalmente o novo goberno grego de Syriza é aparentemente diferente, as formas en política importan, pero a medio prazo o que máis importa é o fondo. De pouco servirá ir ás reunións coa Troika sen garabata, se ao final se continúa coas políticas de austeridade que impón esta entidade. Non estou dicindo que isto é o que acordou Varufakis, ministro de finanzas grego, co Eurogrupo, o que acordou foi unha prórroga do rescate financeiro que expiraba o 28 de febreiro, coa vontade de pagar a débeda e de cumprir cos compromisos adquiridos coa Troika. É probábel que o goberno de Syriza sexa quen de negociar unhas condicións que permitan a corto prazo mellorar algunhas cuestións de tipo social, mais o certo é que cunha débeda de 315.000 millóns de euros, o equivalente ao 176% do PIB, o que está a facer Syriza é prorrogar o problema, unha táctica que pode dar os seus froitos a curto prazo, pero a medio e longo prazo volverá a estar na mesma disxuntiva, isto é, achantar e aplicar as políticas de austeridade que lle pide a Troika ou revelarse e saír da Unión Monetaria e quen sabe se da Unión Europea.

Así as cousas, se a política europea fora a Champions League, concluiríamos que o partido de ida entre a Troika e Grecia gañou a primeira; está por ver que pasa no partido de volta, pero dá a impresión que Syriza decantarase por achantar; é o que se agarda dunha forza política europeísta que non ten intención algunha en abandonar o clube da Unión Europea.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.