Beiras: da traxedia á farsa

HiResHegel, o filósofo alemán, pensaba que a historia e os grandes persoeiros tenden a repetirse dun xeito ou doutro. Así por exemplo, hai case corenta anos o debate territorial no Estado español despachouse co que se coñece como “café para todos”, pero que o tempo demostrou que só contentou a uns poucos, aos que querían manter o statu quo emanado da Ditadura de Franco. Así, corenta anos máis tarde ábrese novamente o debate coas eleccións catalás do 27S, que marcarán seguramente un novo rumbo para o pobo catalán, pero tamén para as outras nacións que integran o Estado español.

Mais foi Marx quen matizou as palabras de Hegel engadindo que efectivamente a historia tende a repetirse, primeiro como traxedia, despois como farsa. E neste sentido, Beiras, está empeñado en repetir a súa historia, a súa traxectoria política: primeiro como traxedia, despois como farsa.

A traxedia
En 1977, Xosé Manuel Beiras, con 41 anos recén cumpridos, concorría as primeiras eleccións xerais despois da Ditadura. O seu partido era o Partido Socialista Galego (PSG), que non tiña vinculación orgánica algunha co PSOE. Antes das eleccións non foron poucos os cantos de serea que tivo oír para que o brillante economista que estudou na Sorbona coa axuda de Ramón Piñeiro participara e concorrera baixo o paraugas do PSOE de Felipe González. Beiras dixo non, preferiu manter a autonomía do seu partido, preferiu que Galiza tivera voz propia no Congreso dos Deputados. Como todos e todas sabedes perdeu a súa aposta. Nin sequera xuntando os votos do daquela BN-PG (Bloque Nacionalista-Nacional Popular) daría para un deputado por algunha das circunscricións.

A traxedia desta situación é que Galiza quedou sen representación no Congreso e quedou á marxe do debate territorial, e non foi até a chegada do BNG en 1996, dezanove anos despois, cando por fin, Galiza tivo voz propia no Congreso. No persoal Beiras baixou aos infernos da loucura e non volvería en si até 1982, data na que foi electo portavoz nacional do BNG.

A Farsa
Trinta e oito anos máis tarde a historia repítese
, e no momento histórico que Galiza se xoga -outra vez- pintar algo no panorama estatal, Beiras, con 79 anos, prefire escoitar desta volta os cantos de serea de Pablo Iglesias, mais tamén dos acólitos, pelotas e oportunistas que viven da súa sombra para embarcarse nunha candidatura conxunta baixo o paraugas Podemos, unha candidatura que presume de rupturista, pero os podemitas estarán en contra da independencia de Catalunya se esta se chega a producir; unha candidatura que presume de ser cidadá, pero que está organizada por partidos políticos rexistrados no Ministerio do Interior como o están PP, PSOE, Ciudadanos, Marea Atlántica, Compostela Aberta ou o propio BNG; e unha candidatura que presume de horizontalidade, pero as decisións xa están tomadas polas organizacións Anova, Podemos e Esquerda Unida, co beneplácito de Madrid.

Porén, desta volta si que é probábel que Beiras saia electo deputado do Congreso, pero será un deputado inútil para Galiza, porque estará baixo as ordes de Pablo Iglesias, e o que é peor, baixo as ordes dunha organización de ámbito estatal que defenderán os intereses de Estado por enriba dos intereses de Galiza; e xa sabemos todos como nos foi mentres Galiza non tivo voz propia no Congreso, verdade?

Resumindo: cando había circunstancias propicias para aumentar a representatividade do pobo galego nas cortes do Estado cun grupo parlamentar propio, a historia repítese. Case corenta anos máis tarde semella que non aprendemos nada, nen sequera algúns dos seus protagonistas.

 

One thought on “Beiras: da traxedia á farsa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s