Co descarrilamento do proceso soberanista catalán, que vive hoxe as súas horas máis hilarantes; coa esquerda abertzale reducida á mínima expresión (de 7 deputados pasa a 2); e co nacionalismo galego e de esquerdas que representaba o BNG fóra na escena Estatal, o españolismo xa pode respirar tranquilo outros 30 ou 40 anos e pode empezar outras desas “transicións” modélicas no que algo de terá que cambiar para todo siga igual.
O certo é que o españolismo traballou arreo para evitar a ruptura democrática do réxime putrefacto, como lle gusta dicir a Beiras, e abofé que o conseguiu. Se había algunha oportunidade para alcanzar este obxectivo pasaba inexcusabelmente polo éxito do proceso soberanista catalán, exemplo a seguir para as outras nacións do Estado, especialmente Euskal Herría, que xa estaba dando pasos nese sentido.
Pero este éxito do españolismo non sería posíbel sen a intervención de novos actores políticos ante o descrédito social do bipartidismo que representan PP e PSOE. Así é que desde as Europeas de 2014, medios de comunicacións privados afíns ao réxime, especialmente os grupos Mediaset (Cuatro e Telecinco, entre outras) e Atresmedia (Antena 3 e La Sexta, especialmente), empregáronse a fondo para meter polos ollos e a todas horas ás novas organizacións que estaban chamadas a salvar España, isto é, Ciudadanos e Podemos.
Ciudadanos estaba chamado a recoller os votos que perdese o PP, evidentemente sería algo provisional, até que viñeran tempos máis acaidos. O de Podemos xa era algo máis elaborado, tiña que recoller os votos do PSOE e da esquerda; así, cun discurso dual, vendíanse no centro como os garantes da unidade de España e na periferia como os garantes do dereito a decidir das nacións sen Estado; pasaban por ser da esquerda radical, pero ao mesmo tempo son os garantes da permanencia das bases militantes da OTAN no Estado español. Así é que podían recoller votos da extrema dereita como o de Ynestrillas ou da esquerda nacionalista (?) como o de Beiras. Todo un éxito!
Como diría Aznar, España va bien! Desfrutade o votado!