Podemos e a estafa da promesa do referendo catalán

estafaDicía Adolfo Suárez que “podo prometer e prometo”. Pablo Iglesias tamén, e por iso promete a Catalunya a celebración dun referendo vinculante para que decida libremente o encaixe que quere con España. Mais Pablo Iglesias e a organización que dirixe saben perfectamente que no Estado español e coa legalidade constitucional vixente é imposíbel celebrar un referendo de autodeterminación como o que queren catalás e cataláns. A proposta de celebración dun referendo en Catalunya é xuridicamente inviábel. Pero vaiamos por partes.

Segundo a Constitución Española o Rei é quen convoca os referendos, a instancia do Presidente do goberno, previa autorización do Congreso (Artigo 92, apartado 2). Podemos podería conseguir o apoio -improbábel- do PSOE e outras forzas políticas para convocar o referendo catalán, pero esta aprobación das Cortes sería automaticamente anulada porque violaría o artigo 2 da Constitución no que con se consagra a “indisoluble unidad de la Nación Española”, unidade garantida polo exército (artigo 8). É dicir, que non se podería celebrar un referendo onde unha parte quere separarse de España. Para iso habería que modificar a Constitución Española e para iso Podemos necesitaría ter un mínimo de 234 deputados/as porque os cambios necesarios afectarían ao Título Preliminar da Carta Magna. Agora mesmo Podemos ten 42 deputados, que aínda sumándolle os das coalicións periféricas, máis os do PSOE, máis os do PNV, etc, etc, etc… serían insuficientes para chegar a esa cifra coa actual composición do Congreso.

Pero aínda no caso de que se repetisen as eleccións, Podemos necesitaría chegar a 234 deputados para facer os cambios constitucionais que permitan celebrar o referendo, unha cifra inalcanzábel coa actual correlación de forzas das Cortes. Nin sequera a maioría absoluta do PSOE do 82 acadou unha cifra semellante (2o2 deputados).

A única vía: o proceso soberanista

Así pois, se as catalás e cataláns agardan unha convocatoria de referendo por parte dun goberno de Podemos poden agardar sentados. A única vía posíbel é o proceso soberanista aberto en Catalunya que vive as horas máis baixas logo de tres meses sen goberno que poña en marcha este proceso.

A independencia é unha decisión unilateral, e máis cunha Constitución como a española, que non recoñece o dereito de autodeterminación das nacionalidades que a integran. A independencia dunha nación é como un divorcio entre dúas persoas: unha decide separarse doutra por decisión propia, e non lle pide permiso nin necesita autorización da parte contratante para se separar.

Así pois, a esixencia dun referendo catalán como condición para sentarse a falar co PSOE un cambio de goberno é puro tacticismo da formación que dirixe Pablo Iglesias, un engana bobos que busca acurralar a Pedro Sánchez para, no caso de repetirse as eleccións, dar o sorpasso aos socialistas. Pode saírlle ben -está por ver-, pero a conta de enganar a millóns de persoas, algo que xa vimos e máis dunha ocasión.

3 thoughts on “Podemos e a estafa da promesa do referendo catalán

  1. Lee acerca do referendo de Canadá e verás que a sua constitución tampouco o permitía nin o permite máis se celebrou igualmente. Non é unha estafa, a estafa e pensar que un proceso de independencia unilateral pode terminar nunha independencia real recoñecida internacionalmente (recordemos que sen recoñocemento no pode ter lugar)

    Gústame

    1. Efectivamente, descoñezo completamente a Constitución de Canadá. Só coñezo a española e no seu artigo 2 di textualmente “A Constitución fundaméntase na indisoluble unidade da Nación española, patria común e indivisible de todos os españois,…”. Con isto calquera xuíz pode paralizar unha convocatoria de referendo de autodeterminación.

      A estafa está en dicir na Meseta que Podemos son os garantes da unidade de España e logo vir ás provinciar a dicir que temos dereito a un referendo no que eles votarán en contra. Cada quen que pense o que queira, pero iso É TOMAR O PELO AO PERSOAL!

      Boa tarde.

      Gústame

    2. Debemos entender, Sr. Alguien, que Palestina non é independente porque Israel non a recoñece? non trate de xustificar a estafa de Podemos, Imeneo ten razón.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s