Haberá ou non haberá eleccións xerais anticipadas?

Person voting
Desde o día 21 de decembro sostiven en privado que non habería repetición das eleccións xerais, e cada día que pasa téñoo máis claro, a pesar das declaracións, reunións fallidas e escenificacións dos partidos políticos implicados, PSOE, Ciudadanos, Podemos e PP.

As razóns que me impulsan a pensar na pouco probábel nova convocatoria electoral son diversas:

  1. Van case cinco meses sen goberno e  parálise do goberno central en funcións é total, e non tardarán en saltar os axentes sociais, especialmente o empresarial, para dar un toque de atención polo que eles chama parálise económica.
  2. De repetirse as eleccións non habería novo goberno até agosto ou setembro, sempre e cando haxa unha maioría clara disposta a goberna; en caso contrario abriríase unha nova rolda de contactos e negociacións entre os partidos que pode prolongar a agonía outros dous ou tres meses, o que levaría a conformación do novo goberno a setembro ou outubro. Resumindo, case un ano sen goberno.
  3. A Unión Europea está agardando cun coitelo entre os dentes a que haxa un novo goberno para “ordenarlle” un novo paquetes de recortes para controlar o déficit. Xa avisaron hai unhas semanas, e as autoridades europeas, cegados como están polo control polo déficit, non van agardar até setembro ou outubro para que o goberno español tome medidas, cousa que non vai facer Mariano Rajoy que leva en funcións desde que se convocaron as eleccións do 20D.
  4. As enquisas que se deron a coñecer nas últimas semanas apuntan a que unhas novas eleccións non despexarían incógnita algunha, todo ficaría máis ou menos igual e volta e empezar.

Estas son as razóns de contexto que me impulsan a pensar que non haberá repeticións das eleccións. Quen gobernará entón? Pois aquí, na miña opinión, ábrense posibilidades que paso a expoñer.

O máis probábel é que goberne Rajoy

Si. Lamentabelmente iso é o máis probábel. Sentarse a agardar non sempre dá bos resultados, pero ao PP de Mariano Rajoy xa non é a primeira vez que lle funciona esa estratexia política, entre outras cousas porque coñece moi ben as debilidades e fortalezas dos seus rivais políticos.

Desde o minuto un fixo chamamentos ao PSOE para unha gran coalición con Ciudadanos. O partido da rosa dixo non e buscou construír unha alternativa ao goberno do PP, que non vai ser posíbel pola negativa de Podemos, que nen sequera lle deu tempo ao PSOE a analizar as propostas que traía Pablo Iglesias debaixo do brazo. Rota esta saída non se pode descartar unha nova escenificación de investidura de Pedro Sánchez para que fique claro o non de Podemos a un goberno PSOE-Ciudadanos para así xustificar ante as súas bases unha abstención a un goberno de Mariano Rajoy. Unha abstención que non sería a única, xa que tamén sería necesaria a participación de Ciudadanos para que Mariano Rajoy puidera gobernar.

Algunhas persoas diredes que iso traeralle custes ao PSOE. A curto prazo pode que si, pero hai que recordar dúas cousas:

  1. Que o PP estará en minoría, e o PSOE sempre poderán reivindicarse ante o seu electorado coa aprobación ou bloqueo de determinadas iniciativas;
  2. Non é a primeira vez que o PSOE deixa gobernar ao PP e viceversa, un pacto non escrito entre ambos desde hai moitos anos, a pesar de que podían buscar un goberno alternativo.

Así as cousas, os números cantan, coa abstención de PSOE e Ciudadanos (130 votos), e aínda que voten en contra o resto de partidos (97), Mariano Rajoy (123) poderá gobernar, non sen dificultades, os vindeiros anos (xa non me atrevo a dicir, que sexan catro ante un escenario tan adverso).

O difícil encaixe das outras alternativas

Rota toda posibilidade dun goberno PSOE-Ciudadanos-Podemos, a única alternativa que queda é un goberno PSOE-Podemos ou un goberno PSOE-Ciudadanos. Na miña opinión unhas combinacións imposíbeis por varias razóns.

  1. Unha parte do PSOE oponse aun pacto só con Podemos, de aí que Pedro Sánchez tentara unha alianza dos tres para contentar a todos.
  2. Aínda no caso que PSOE e Podemos acadaran un acordo, a aprobación do Congreso sería complicada. O PP e Ciudadanos votarían en contra (163 votos); daquela habería que conseguir cando menos 164 votos para acadar a maioría simple. PSOE e Podemos suman 159; se lle sumamos IU e Coalición Canarias teríamos 162 votos. A isto habería que engadirlle cando menos dous votos máis, o máis probábel os do PNV, pero as demais forzas políticas terían que absterse, algo moi complicado tendo en conta os escenario político catalán, para que o goberno de PSOE e Podemos fora posíbel.
  3. Un goberno PSOE-Ciudadanos tamén sería inviábel, porque Podemos e PP votarían en contra por distintas razóns (192), e porque a medio prazo sería a peor opción para o PSOE e para Pedro Sánchez, porque sería un goberno en minoría e cos plans que reserva a Unión Europea para o Estado español, vería como Podemos lle come terreo pola esquerda a pasos axigantados, poñendo en serio perigo o seu statu quo como segunda forza política estatal.

Resumindo

O encaixe dun goberno neste escenario político é difícil como se acaba de ver, por iso que, quitando que haxa un evento extraordinario que o mude todo, o escenario máis probábel que defendo é o do goberno de Mariano Rajoy.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.