Viva Santa Rosalía e San Castelao!

Rosalía de Castro e Castelao

A Igrexa Católica non creo que sexa exemplo de moitas cousas, sen embargo, si tiña (ten) claro que para manter a fe dos crentes e na institución, cada certo tempo había que renovala recordando certos eventos transcendentais ou a certos persoeiros que se significaron e/ou sacrificaron na defensa da ortodoxia cristiá. É evidente que a táctica funcionoulles, levan dous mil anos co conto, e a pesar da baixada de crentes, hai certos eventos anuais que congregan a milleiros de crentes (ou non) en todo o orbe planetario.

En certo modo, e salvando as evidentes distancias, a política en xeral, e en concreto os partidos políticos, seguen a mesma táctica de recordar certos momentos importantes na historia do partido, da organización política ou do Estado ou nación, así como a persoeiros que pelexaron e/ou sacrificaron a súa vida por esas ideas ou mesmo foron os inspiradores e inspiradoras destas. Sen ir moi lonxe, cada 25 de abril, Portugal conmemora a vitoria do pobo fronte a ditadura e a tiranía para que o pobo recorde que a liberdade e a democracia non son un milagre nin unha concesión divina, senón froito da súa loita. E tamén para recordar e ter presente que o pobo é quen máis ordena, a pesar de que en Portugal quen manda agora mesmo é a Troika.

É de supoñer que en Portugal ninguén cuestiona a celebración do 25 de abril, como ninguén cuestiona o papel de José Afonso, e o valor simbólico da súa famosa canción “Grândola, Vila Morena”, que deu inicio á “Revolução dos Cravos” no país veciño, e que cada ano recordamos, tamén por estes lares, para recuperar a fe no pobo e nas súas xentes.

Vén isto a conto, porque Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo, ex-militante do BNG, que tamén se quedou coa acta de concelleiro a pesar de abandonar a formación política pola que foi electo, afirmou hai uns días que había que “repensar a San Castelao e a Santa Rosalía“, que el non era de “liturxias” e que estas só fomentaban o “sectarismo“. Quere dicir este señor que os portugueses e portuguesas son sectarios por conmemorar o 25 de abril? Quere isto dicir que é os portugueses e portuguesas teñen que “repensar” a “Revolução dos Cravos” e borrala do seu calendario e da súa historia, porque a fin de contas o que necesita o pobo é máis “realidade e máis proximidade” como afirma este alcalde moi próximo a En Marea? Son sectáreas os veciños e veciñas de Vimianzo que cada ano, e xa van 21, recordan a revolta irmandiña deste pobo fronte ao poder feudal asaltando o castelo que aínda segue en pé no centro da vila? Coido que non, verdade!

O que lle pasa a Manuel Antelo é que xa non é nacionalista, e por iso lle sobran os referentes históricos e culturais do nacionalismo galego, Rosalía de Castro e Castelao, así como a “procesión” do Día da Patria Galega, onde se pon de manifesto cada ano que Galiza existe politicamente, a pesar de que o Estado español e a estrutura globalizadora da Unión Europea nolo poñen cada vez máis difícil.

Un pobo que esquece os seus referentes históricos e culturais, así como un pobo que mete nun caixón a súa historia por non sei que dose de “realidade e proximidade”, é un pobo perdido e sen remedio, que vai camiño da súa desaparición política e cultural. É evidente que Manuel Antelo, o alcalde de Vimianzo, xa non acredita no pobo galego, por iso di o que di, e o peor é que é un mal moi estendido na actual conxuntura histórica do pobo galego e el representa a ese electorado concreto que pensa máis en clave madrileña que en clave galega.

Por iso -e xa remato-, penso que é moi importante recordar aos referentes políticos que se significaron pola loita pola dignidade deste país. Rosalía de Castro expresou como ninguén a alma deste pobo. Castelao traballou para que existira politicamente. Manter vivas as chamas de ambos os dous é tarefa de todos e todas os que acreditamos en Galiza coo suxeito político e cultural diferente e polo dereito a decidir o noso futuro.

VIVA SANTA ROSALÍA E SAN CASTELAO! VIVA O DÍA DA PATRIA GALEGA!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.