Touradas en Pontevedra: O PP autorízaas, pero a culpa é do BNG

feijoo-touradasComparto o rexeitamento que producen as touradas entre cada vez máis persoas, así como colectivos e organizacións de todo tipo. As touradas son unha tortura e unha aberración, e podemos darlle as voltas que se queira, pero non son cultura, como afirman algúns. Tanto é así, que en 2010 Catalunya prohibiu a celebración deste tipo de espectáculos logo da aprobación no Parlament dunha iniciativa lexislativa popular, a primeira iniciativa deste tipo que se aproba no Estado español.

Sen embargo, guste ou non guste, e até que lei dite o contrario, as touradas en Galiza son un “espectáculo público” e como tal a súa celebración está condicionada a unha autorización da Xunta que goberna o Partido Popular de Feijóo. Neste sentido, o papel que xogan ou poden xogar os concellos para evitar este tipo de espectáculos é cero, a non ser que a praza de touros sexa de titularidade municipal, cousa que non pasa en Pontevedra, por exemplo, que pertence a unha empresa privada.

Sen embargo, é curioso, que a pesar de que as touradas están autorizadas polo Partido Popular que goberna a Xunta de Galiza, todos os dardos e todas as críticas lévaas o goberno municipal de Pontevedra en mans do BNG, que non ten da súa man evitar a celebración deste tipo de espectáculos. Neste sentido, chama a atención que o colectivo “Touradas Fóra de Pontevedra” convoque unha manifestación baixo lema “Nin convenio nin touradas“, eximindo de toda responsabilidade á Xunta de Galiza de Feijóo, centrando toda a responsabilidade no concello de Pontevedra por ter subscrito un convenio coa empresa propietaria da praza de touros para a celebración de determinados eventos organizados polo concello ao longo de todo o ano, excluíndo expresamente as touradas.

Un destes eventos é exhibición da Feira Franca de Pontevedra, que acolle a miles de persoas nun espectáculo que se pode presenciar de xeito gratuíto. Segundo “Touradas Fóra de Pontevedra” pódense buscar alternativas, segundo a Marea de Pontevedra pódese alugar unha praza de touros portátil, que nin ten o aforo nin a seguridade da de Pontevedra, pero polo que se ve é menos pro-taurina que o convenio. Ambos, sen embargo, acusan ao goberno do BNG de financiar as touradas, o cal é absolutamente falso, xa que desde que goberna o BNG a cidade do Lérez as touradas non están subvencionadas con cartos públicos, nin directa nin indirectamente comprando entradas como ocorría antes co PP.

Concellos anti-taurinos: un brindis ao sol

Outra das cuestións que se lle botan en cara ao goberno do BNG de Pontevedra é que non declare libre de touradas a cidade de Pontevedra, como se con esa declaración se puidese evitar a aberracións das touradas nesta cidade. Como dixen, a competencia de autorizar ou non as touradas é da Xunta de Galiza, polo que unha declaración deste tipo é un brindis ao sol que non soluciona o importante: prohibir os touros. Sirva como exemplo o caso de Barcelona, que declarouse en 2004 cidade libre de touradas, e sen embargo, iso non impediu que en 2011 se celebrase a última tourada da Monumental, precisamente antes da entrada en vigor da ILP aprobada polo Parlament de Catalunya.

A culpa (non) é do BNG

Como dixen, se hai touradas en Pontevedra non é por culpa do BNG, senón da Xunta de Galiza que lle dá a autorización correspondente, pero tamén polas miles de persoas que acoden aos “festexos”. Cambiar a mentalidade destas miles de persoas é tarefa complicada, evidentemente, que a Xunta de Galiza non autorice as touradas é máis doado; en Catalunya fixérono, en Galiza tamén é posíbel, só necesitamos un goberno sensíbel cos dereitos dos animais e cos galegos e galegas que demanda o fin das touradas en Galiza, non só en Pontevedra, ou que determinados colectivos se poñan de acordo e inicien a recollida de sinaturas para unha ILP semellante á catalá.

Como dixen ao principio, comparto o rexeitamento que producen as touradas. O que non comparto é que se utilicen como arma política contra o goberno do BNG de Pontevedra que hai moitos anos que se posicionou en contra deste tipo de tortura animal, e que non ten responsabilidade algunha na celebración das touradas nesta cidade, nin por activa nin por pasiva.

“Touradas Fóra de Pontevedra” saberá porque lle dá esta orientación á manifestación deste ano, pero comigo que non conten!

15 opiniones sobre “Touradas en Pontevedra: O PP autorízaas, pero a culpa é do BNG

  1. Caro (ou cara, como for…) “Cousas de Imeneo”,

    Antes de falar gratuitamente de colectivos como Touradas fora de Ponte Vedra, deveria informar-se melhor para não dizer cousas que não são certas nem tentar vinculá-lo com certos partidos políticos (estou certo de que só por falta de informação).

    Para ilustrá-lo (ou ilustrá-la, o que for), eis uma ligação com esta entrevista no “Galicia Confidencial”. Aí poderá comprovar o que diz Touradas fora de Ponte Vedra sobre o governo municipal ou a forma de acabar com as touradas na Galiza.

    http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/31528-alegramos-morte-ninguen-estase-magnificando-redes-sociais

    Por favor, não intente defender cousas indefendíveis, como que o Concelho de Ponte Vedra dê 38000 à empresa dos muito espanhóis “Hermanos Lozano”, insinuando má vontade contra o BNG ou escuras intenções políticas por parte de Touradas fora de Ponte Vedra (colectivo ao que pertenço, por certo…).

    E não deixe de acudir à manifestação deste ano, lá poderá ouvir o que tem que dizer Touradas fora de Ponte Vedra sobre Feijó, a Junta, o convénio ou o Concelho.

    Não se deixe levar pelo sectarismo, não é bom conselheiro 😉

    Ah, mais uma cousa! Também deveria saber que “do outro lado” acusam-nos precisamente do contrário (curioso, verdade?).

    Nem convénio nem touradas!

    Gústame

    1. 1. Eu non vinculei Touradas Fóra de Pontevedra con partido ningún. Só dixen que uns pedían alternativas á exhibición da Feira Franca e outros poñían como alternativa unha praza de touros portátil. Punto.

      2. Acabar coas touradas na Galiza é sinxelo. Basta con que a Xunta de Galiza non dea a correspondente autorización e xa está, finito! Na entrevista de Galicia Confidencial non se di nada sobre a responsabilidade do PP, que é quen asina a autorización. Curioso!

      3. Eliminar o convenio non acabaría coas touradas. Que a Xunta non dea autorización correspondente si!

      3. Declarar anti-taurino un concello non sirve para nada tal e como explico no artigo. Non vou perder máis tempo explicando o asunto. A bos entendedores…

      Gústame

      1. 1. O Concello de Pontevedra nunca se pronunciou en prol de que a Xunta modifique a Lei de Protección Animal para ilegalizar as touradas, de feito nin sequera se dignou en levar a pleno a moción simbólica para declarar a cidade “antitouradas e amiga dos animais”, o cal dá boa idea de que despois dos pasos iniciais positivos dados hai 15 anos non existe ánimo real ningún de aprofundar na desaparición da única praza do país.

        2. Disparar primeiro sen mirar, acusando un movemento social, no lugar de plantexarse antes ou examinar detidamente todas as proclamas dos anos anteriores, que foron masivamente contra o PP, é errar burdamente no que debe ser o relacionamento de “forzas transformadoras” co pobo que di querer liberar. Precisamente é despois de varios anos onde o goberno de Lores se nega rotundamente a eliminar un aluguer que coincide exactamente cos gastos anuais de manutención da praza taurina que o movemento social eleva a consigna á manifestación, toda vez que a Deputación xa retirou as axudas grazas á mudanza no goberno.

        3. Eliminar o convenio efectivamente non acaba coas touradas. Pero é indigno que un goberno dunha forza antitouradas colabore sequera facilitando un milímetro o labor dos empresarios-mafia taurina. Debería dificultalo canto puder, dentro da legalidade. Un símbolo do españolismo e do maltrato animal non debe ter nin auga.

        4. Este movemento social nace de persoas politicamente heteroxéneas, a maioría delas non anti-BNG, cando non votantes e mesmo algúns militantes, e a actitude pasota, cando non desconfiada, timorata e pouco clara do Concello cara ás súas demandas rematará obviamente en que imaxe do goberno Lores e por tanto do BNG saia trasquilada.

        5. Non son formas normais de se relacionar cos movementos sociais, negarse reiteradamente durante anos sequera a reunións informais, a dar un puñeteiro paso adiante, e despois acusar ao movemento social de atuar contra o goberno local. Isto por si só exemplifica perfectamente a decadencia do bloque e o desprestixio entre amplos sectores, e despois non veñades coa patraña da Marea, que crece precisamente en base aos deméritos do nacionalismo (atuando ademais neste caso de forma profundamente oportunista e mesquiña, tentando instrumentalizar tamén este movemento, sorte que a xente non é parva a estas alturas).

        Gústame

      2. 1. Descoñezo se o goberno municipal fixo algunha petición nese sentido, o BNG no Parlamento si http://bng.gal/?s=+touradas&submit=Buscar… E por certo, reitero o dito, declarar Pontevedra como concello sen touradas ou antitaurino queda moi bonito pero na práctica non sirve para nada, porque é a Xunta quen dá a AUTORIZACIÓN, e se a Xunta di que si, Pontevedra pode dicir misa.

        2. A Deputación facía unha subvención para as touradas, o concello de Pontevedra non. Non é o mesmo que manter un convenio por un servizo que é de supoñer que lle xera gastos á empresa correspondente.

        3. Se o goberno municipal de Pontevedra “colabora” coas touradas, o de Madrid tamén, porque algo semellante fai o goberno de Manuela Carmena (Ahora Madrid, Podemos e amiguetes) co Palacio de Vista alegre, só que no seu caso, o edificio é público, pero con xestión privada. http://www.torosvistalegre.es/ Neste caso ninguén di que Manuela Carmena apoia as touradas nin se organizan manifestación en contra do goberno madrileño, verdade?

        E volvo a reiterar, comparto o obxectivo de acabar coas touradas, non só en Pontevedra, senón en todo Galiza. O que non comparto é que se poña tanto énfase no goberno de Pontevedra e se pase de puntillas sobre o papel da Xunta (PP), que é que dá a AUTORIZACIÓN para que se celebren as touradas. Para min é un erro estratéxico o que facedes, alá vós, agora ben, como ti dixeches eliminar o convenio no acaba coas touradas.

        Gústame

      3. Continúas coa mesma troula: o tema antitouradas non che importou demasiado no pasado, tal e como denota o teu blogue, pero agora pasa a primeiro plano porque entendes que pode danar a imaxe do BNG. Querido amigo: o BNG de Pontevedra é dono das súas palabras e escravo dos seus actos, é quen se desprestixia dando cartos a cambio do que for á mafia taurina, e calquera nacionalista debería ver a contradición. Os nosos dirixentes nin son perfectos nin moito menos intocábeis, e neste tema estána a cagar por completo. A quen lle importa Carmena? un pouco españolada iso de andarse a fixar en Madrid non? O que importa é ir rematando xa coaúnica praza de touros na Galiza, e un goberno nacionalista debería apoiar o movemento social que o demanda na sua propia cidade. No Parlamento galego o moi ben,pero lémbroche que até hai 2 anos Lores metía as touradasno programa das festas con total normalidade. En resumidas contas: hai que ser críticos e autocríticos, non cacatúas nin monos derepetición. O goberno local pode abandeirar a causa antitouradas ou colocarse en fronte, alá el e os que apoiades sen fisuras.

        Gústame

  2. non sei… é moi extraño que haxa tanto empeño en criticar ó BNG e non decir nada sobre o papel da Xunta e do PP. raro-raro-raro!

    bo artículo. non sabía que quen autorizaba as corridas de touros era a Xunta.

    Gústame

  3. Con posicións tan fanáticas normal que o pobo lle dea as costas ao BNG. Algúns non entendedes que nos levades ao abismo, pero a culpa sempre será dos outros.

    Gústame

  4. Son pontevedrés, sigo de cerca o traballo antitaurino e podo asegurar que Touradas fóra de Pontevedra está conformada por xente votante do BNG, militantes incluso e logo xente que non está en nada. Esta actitude de ataque en vez de autocrítica fará que toda esa xente acabe alonxándose do BNG. E logo choraremos porque non nos comprenden.

    Todos os movementos sociais da cidade están contra o convenio e só Xacobiño Moreira está dacordo con el.

    Gústame

  5. Despois de leer todos os comentarios chego a conclusión de que non se quere rematar coas touradas, senón co BNG en Pontevedra.

    Vin cousas raras, pero culpar ó concello de Pontevedra das touradas en vez da Xunta de Galicia que dá o permiso si que é raro-raro. Feijóo pode estar contento.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.