“Arrival”

ArrivalArrival” de Denis Villeneuve, traducida ao castelán como “La Llegada“, é unha desas películas que agardas con ansia a data de estreo para ver nas salas de cine. A temática desde logo axuda, gústame a ciencia ficción, mais a filmografía deste director nacido en Canadá, e en concreto a extraordinaria “Incendies” de 2010, aumentaba as expectativas para esta nova entrega. Expectativas que aumentaron de súpeto poucos días antes de vela, cando Carlos Callón desvelou nun vídeo a mención explícita ao Reino de Galiza como orixe do portugués, lingua na que está especializada a protagonista desta película.É pecata minuta, xa o sei, pero non todos os día sae Galiza nunha película Made in Hollywood, non?

Feita a introdución, aviso a navegantes: o que virá a continuación contén spoilers. Se es dos que non queres que che descubran parte do argumento, mellor pecha a páxina; se che dá igual (eu son deses) ou se xa a viches podes ler o que eu interpreto desta magnífica película de Denis Villeneuve.

“Arrival” non é unha película de extraterrestres. Se o que buscas é algo parecido a “Independence Day”, onde hai un marcianos que nos queren conquistar e ten que vir o ianqui de turno a salvar o mundo, mellor vai ao vídeo club e aluga a versión de 1996, polo menos nesa primeira versión sae Will Smith e é máis divertida que a secuela de 2016.

Como dixen, “Arrival” non é unha película de extraterrestres ao uso, nela hai uns seres doutro planeta (suponse), pero non queren conquistar o mundo, veñen a deixar o seu maior tesouro, a súa lingua, e agardan impacientes até que alguén os entenda e comprenda para marchar tan en paz como chegaron.

A comunicación

A nova película de Denis Villeneuve, que está baseada nun dos contos do libro “A historia da túa vida” do escritor norteamericano, Ted Chiang, afonda na importancia da comunicación entre as persoas, fundamental para entendérmonos, para coñecérmonos e resolver os conflitos entre nós. É a a conversa entre a protagonista, Louis Banks, interpretada por Amy Adans, e o xeneral chino o que evita in extremis un conflito bélico de escala mundial ante o temor de que os extraterrestres inicien un ataque contra os seres humanos. E tamén son as conversas entre ela e a filla ás que lle axudan a entenderse cos extraterrestres, que teñen un xeito peculiar de comunicarse a través de complexos logogramas que debuxan no aire.

A lingua: a arma definitiva

A “Arrival” de Villeneuve tamén aborda a importancia da lingua, que non só serve para comunicarnos, senón para entender o mundo. Nun momento dado da película a protagonista, especialista en portugués, afirma que a inmersión nunha lingua determina a túa forma de pensar e de ver o mundo. Sábeo ben Feijóo e o Partido Popular. O seu decreto contra a lingua galega e as súas políticas galeguicidas teñen por obxectivo evitar a toda costa o máis mínimo contacto dos nenos e nenas coa nosa lingua. Canto menos galego, menos Galiza e máis España. Pola contra, canto máis galego no ensino, máis galegos e galegas conscientes cultural e politicamente haberá no noso país, porque saben o poder que ten a lingua como elemento clarificador da realidade na que viven os cativos e cativas deste país.

Xa o dicía Manuel María, “a fala é a chave coa que abrimos o mundo” e iso precisamente, a súa lingua, é o que queren transmitir os extraterrestres á humanidade. É a “arma”, como afirman estes seres estraños de sete patas, que nos abrirá a un mundo de coñecemento, que nos permitirá percibir esa dimensión que aos humanos nos é totalmente imposíbel de percibir na súa totalidade como é o tempo, pasado, presente e futuro, como un todo, longamente teorizado na filosofía e na física.

O tempo

Semella que Villeneuve ten unha teima especial polas historias circulares. Xa en “Incendies” percorremos miles de quilómetros desde o Canadá até o Líbano para regresar de novo a Canadá coa alma completamente empapada en bágoas pola tremenda historia que descubrimos ao longo deste periplo. En “Arrival” igual, tanto ao principio como ao final da película atopámonos coa mesma fiestra que mira ao lago, coa incerteza de se ese é o final da historia ou un punto e seguido.

Se o tempo é unha dimensión, como o é o ancho, o alto e o longo, para Villeneuve esa dimensión é circular; só así se poderá percibir o pasado, o presente e o futuro, simultaneamente, como fai a protagonista logo da inmersión lingüística no idioma dos extraterrestres. E neste punto a pregunta é obvia, podemos cambiar o futuro? Pois os extraterrestres así o cren, por iso viñeron, a ensinarnos a súa lingua porque en poucos miles de anos seralles necesaria a axuda dos humanos e para iso teñen que coñecer a súa lingua. A protagonista de “Arrival”, en cambio, aínda coñecendo o tráxico final que lle agarda a súa filla non renuncia a ela, non renuncia aos bos e malos momentos que lle deu, non renuncia a todo o que aprendeu dela, pero tampouco fai nada para evitar o seu final. Neste punto cómpre subliñar que o libro no que está baseado a película resolve mellor esta cuestión. A filla morre de accidente, non de enfermidade como na película, e aínda que a nai tentou sempre protexela, conclúe que tanta protección acabouna empuxando ao seu tráxico final. Vamos, un lío; unha cuestión filosófica moi complexa.

En resumo, “Arrival” non me decepcionou en absoluto, son desas películas que te deixan cavilando, que non esqueces nada máis saír do cine, síntoma inequívoco de que viches unha boa película, pero non está á altura de “Incendies” en canto a intensidade e dramatismo. E por último, Villeneuve está preparando a secuela de Blade Runner, a mítica película de ciencia ficción de Ridley Scott, cuxa estrea se agardamos expectantes para o vindeiro ano. Sen dúbida un reto importante!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.