O calvario dun cliente de Movistar

 

Despois de máis de 10 anos co mesmo operador de telefonía (tanto fixa como móbil) e internet, acudín a unha tenda Movistar para facer a portabilidade. A priori dábanme máis velocidade no acceso a internet un prezo máis económico que o que estaba pagando, así que non dubidei moito en asinar o contrato ese mesmo día. Coas liñas de móbil non houbo maior problema, aos dous días xa estaba utilizando as liñas de Movistar. A portabilidade do fixo foi un pouco máis complicada como ides ver.

Aos dous días de asinar o contrato, o 24 de febreiro, chámanme da tenda para indicarme que hai un problema coa portabilidade do teléfono fixo. O problema é que está a nome doutra persoa e esa persoa é o meu pai, que faleceu hai cinco anos. Segundo me indican a solución é doada, só teño que enviarlles o certificado de defunción por correo electrónico. Fíxeno ese mesmo día 24 de febreiro.

Pasan os días e non teño noticias de Movistar. O 11 de marzo envío un correo á tenda para ver que pasa coa miña portabilidade. Non recibo contestación. O 16 de marzo recibo un SMS e un correo electrónico da miña operadora actual até ese momento informándome que hai en marcha unha portabilidade e que se non me poño en contacto con eles en 24 horas córtanme a conexión a internet e supoño que o teléfono fixo. Ese mesmo día á noitiña chamo ao 1004 para dar conta da mensaxe que recibira e para que ver que pasa coa miña portabilidade. Resposta: que non me preocupe, que non vou quedar sen conexión e que nun par de días estaría resolto todo, recibiría o router, etc.

Sábado 18 de marzo. Podo recibir e facer chamadas polo teléfono fixo, pero non teño conexión. Chamo ao 1004 e estou 40 minutos ao teléfono; durante ese tempo gravan o cambio de titular (cousa que xa debía estar feita pola tenda) e indícanme que nun par de horas recibiría unha chamada para confirmar os cambios. Pasaron as horas e eu non recibo chamada algunha por parte de Movistar.

Empeza o mareo e o cabreo
Luns 20 de marzo. Chamo ao 1004 de novo. Ven que hai un problema pero dinme que eles non o poden resolver, e suxírenme que pase pola tenda. Ao día seguinte paso pola tenda onde asinei o contrato. Explico todo o problema e deixo -outra vez- copia do certificado de defunción do meu pai. Dinme que en cuestión de 24 horas estaría todo solucionado.

Transcorrido ese tempo paso outra vez pola tenda, porque sigo sen conexión. Estamos a xoves 23. Parece ser a miña portabilidade está en “provisión”, que en cuestión de días está solucionado.

Mércores 29 de marzo. Chamo ao 1004, gravan outra vez o cambio de titular e solicitan a ADSL (de fibra, xa nin falemos). Desta volta si que parece que atoparon a tecla. Recibo varios SMS de Movistar e ao día seguinte recibo unha chamada automatizada de Zeleris, a empresa de transporte que utiliza Movistar, informándome que en 24 ou 48 horas recibiría o “Kit ADSL” para poder conectarme a internet.

Entramos na fase de sadismo
A altura do xoves 30 xa empezaba a ver a luz ao final do túnel, sen embargo non era a saída, era Zeleris para poñerme aínda máis dos nervios. O venres 31 recibo outra chamada automatizada desta empresa de transportes informándome que nos próximos dous días laborables recibiría o “Kit ADSL”. Pasa o fin de semana e onte luns recibo outra chamada de Zeleris dicíndome outra vez o mesmo. E hoxe martes 4 de abril, idem.

Pero aínda hai máis. Onte luns miro no buzón e vexo que hai unha factura de Movistar de 32€ a nome do meu pai, que como dixen antes faleceu hai cinco anos, e con cargo a unha conta de banco que xa non existe. Como é posíbel que unha empresa que non ten relación comercial cun cliente desde hai máis de 10 anos remita unha factura e un recibo sen comprobar antes os datos? Pois é posíbel, con Movistar é posíbel.

Contei até 10 e despois chamei ao 1004. Dinme que mellor que fale co banco, que ao mellor poden derivar o cargo a outra conta que hai na mesma sucursal. A contestación do banco: imposíbel. A estas alturas non sei que pasará con ese recibo de 32, é de supoñer que chamarán ou remitirán unha carta para abonar eses cartos. De todos os xeitos, hoxe tomeime a molestia de chamar outra vez ao 1004 e dixéronme que o saldo está a cero, o cal é mentira porque ese recibo vai ir de volta, si ou si. Pero en fin…

Resumindo: a día de hoxe levo 19 días sen internet na casa e para conectarme teño que tirar da liña de móbil, cuxa tarifa de datos xa esgotei en máis da metade, e o que é peor, que a día de hoxe non sei cando conexión na casa. Un desastre.

O que está claro é que canto máis grande é unha empresa, e Movistar é moi grande, peor servizo dá aos seus clientes. Para mostra un botón. E o peor é que non hai con quen falar. Tes á túa disposición o 1004, as tendas oficiais, o Twitter, o Facebook e a App Móbil para canalizar as túas queixas e túa frustración, pero ante un problema como o que estou vivindo atopo cero solucións. Nada!

Empresas como Movistar parapétase detrás de traballadores e traballadoras con seguramente pésimas condicións laborais, situados quen sabe onde, e de aí non pasas. Dá igual como te poñas. Os que deciden sempre están a salvo das broncas dos clientes e alleos á chapuza que teñen montada, eclipsada por intensas campañas publicitarias e por millonarios beneficios que reflicten unha eficiencia ficticia, que non é tal, que é falsa, que é todo aparencia. Falo de Movistar, pero as multinacionais son todas iguais, canto máis grades son, peor servizo dan ao cliente.

En fin. Que está é a miña experiencia con Movistar, así que vós veredes.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s