Xornalismo “instagramer”

A raíz dos atentados de Barcelona e Cambrils o Colexio Oficial de Xornalistas de Galiza recuperou unha publicación de 2008 coas “recomendacións para medios e xornalistas de sucesos de catástrofe“. Este decálogo aconsella “repeitar o ámbito privado das persoas directa e indirectamente afectadas – as vítimas e tamén os seus familiares – de tal maneira que quede garantido o dereito que teñen a preservar a súa intimidade nesas circunstancias dramáticas“. Neste sentido, engade o decálogo, que “os fotoxornalistas e cámaras de televisión han respeitar o dereito que tamén lles asiste de non permitir a captación no lugar do suceso de imaxes nas que teñan algún tipo de protagonismo. Aínda no caso de non teren indicación expresa en contra, é recomendable absterse de utilizar aquelas imaxes que puideran comportar a degradación das vítimas. Tratándose de menores de idade, hase evitar na medida do posible convertelos en protagonistas da información“.

No seguinte punto, para respectar o sufrimento e a dor das vítimas, recomenda que “é preciso evitar, polo tanto, a publicación de primeiros planos de persoas en situación de sufrimento, como tamén o acoso e as preguntas en situacións inadecuadas. A súa dor ha estar, en todo momento, por riba da busca de información dos medios, que ademais en moitos casos pode converterse nunha mera procura do morbo. De igual modo, é necesaria a cautela á hora de publicar imaxes de traxedias pasadas, para non despertar lembranzas dolorosas que aínda poidan estar latente nos afectados“.

Botando a vista atrás e seguindo as indicacións deste decálogo do colexio de xornalistas da Galiza, un decálogo asumido por algúns medios de comunicación a nivel estatal, hoxe non teríamos ao alcance, polos menos a simple cidadanía, as tremendas imaxes dos campos de concentración nazis. Se de respectar o ámbito privado das vítimas se tratara, non veríamos as atrocidades perpetradas por Hitler, non só como documento xornalístico e histórico de incalculábel valor, senón tamén como elemento gráfico exemplificador de até que niveis de atrocidade pode chegar o fascismo e o ser humano.

Auschwitz
Auschwitz

Seguindo tamén o decálogo dos xornalistas galegos hoxe sería impensábel ver a Phan Thị Kim Phú, a moza vietnamita, menor de idade e completamente espida, queimada polo napalm do exército dos Estados Unidos, unha imaxe que daba conta perfectamente da crueldade e a virulencia desta guerra imperialista infame. A ninguén se lle ocorre que esa tremenda imaxe non se debería publicar, verdade?

Foto de Nick Ut
Foto de Nick Ut

Outra cousa é a manipulación como aconteceu co caso doutra vítima menor de idade. A imaxe de Aylan Kurdi, o pequeno que morreu afogado mentres fuxía por mar da guerra de Siria, percorreu o mundo enteiro dando conta da traxedia das persoas refuxiadas, mais o que non che contan é que esa imaxe foi manipulada para ter un mellor enfoque na procura dun maior dramatismo.

E que dicir de Abu Ghraib. Os ianquis estarían encantados de que as terríbeis imaxes das torturas e vexacións do soldados norteamericano non viran a luz. Mais sen embargo, a pesar da súa crueldade, os medios de comunicación publicáronas polo seu interese xornalístico e compartímolas nas redes socias para denunciar non só estes feitos, senón a sinrazón dunha guerra perpetrada con bombas e mentiras.

Abu Ghraib
Abu Ghraib

E se temos que ser cautos á hora de recordar traxedias pasadas para non despertar lembranzas dolorosas como recomenda o colexio de xornalistas, as estampas de Castelao, Atila en Galiza, Galiza Mártir e Milicianos, que a pesar de non ser imaxes reais, si reflicten a a crueldade da represión e a Guerra Civil no noso país, terían que estar baixo chave, algo que sen dúbida sería do agrado do fascismo español e dos seus herdeiros por aquelo de de non remover as cousas do pasado.

Concluíndo

A imaxe é moi poderosa, sábeno moi ben os xornalistas e os medios de comunicación, pois permite transmitir de xeito rápido e claro unha idea. Por moi detallista que sexa o relato descritivo dun campo de concentración ou das torturas de Abu Ghraib non chega á intensidade dunha imaxe ou fotografía para dar conta da noticia, que pode ser cruel, pero que pode axudar a que a historia non se repita. E neste sentido cómpre recordar que un xornalista, tamén os fotoxornalistas, non só escriben ou fotografían noticias, en certo modo están escribindo e fotografiando a historia. Hoxe os atentados de Barcelona e Cambrils son noticia, pero dentro de 10 anos son historia e cantos máis elementos teñamos para analizala, máis fieis seremos á verdade, que é a mellor homenaxe que se lle pode facer ás vítimas.

En resumidas contas. Non comparto en absoluto a teima que teñen algúns xornalistas de edulcorarnos as noticias. Non somos menores de idade. Se non queremos ver unha imaxe non compramos o xornal ou non lle damos ao play do vídeo onde matan a unha persoa. Non nos tratedes como se foramos nenos pequenos. A vida non é Instagram, onde todo o mundo aparece feliz e contento, onde non hai cabida para os momentos malos e situacións desagradábeis. A vida, como sabemos, é ben distinta, non só a nosa, a que nos afecta directamente, senón a dos outros, a dos que están máis lonxe xeográfica e culturalmente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s